
Mitsubishi
Mitsubishi (三菱グループ, Mitsubishi Gurūpu) tamén coñecido como Mitsubishi Group Companies ou Mitsubishi Companies é un conglomerado internacional de empresas independentes xaponesas.
O grupo de empresas Mitsubishi forma unha entidade independente, Mitsubishi Keiretsu (grupo de empresas afíns). En xeral, todas estas empresas descenden dos zaibatsu do mesmo nome (literalmente: camarilla financeira). As 25 principais empresas son tamén membros da Kin’yōkai Mitsubishi, o “Club Venres”, que se reúne mensualmente.
O nome e a icona de Mitsubishi significa tres diamantes.
. . . Mitsubishi . . .

As compañías que forman parte de Mitsubishi comparten un forte sentimento de responsabilidade corporativa e social. Ese sentimento ten a orixe no seu fundador samurai, hai máis de 140 anos. Koyata Iwasaki fixou estes principios nos anos 1930 e, máis de 80 anos despois, o espírito e os valores desta “Sankoryo” seguen vivos e vixentes na actualidade.
Mitsubishi baséase en tres principios:
- 所期奉公 “Shoki Hoko”= Responsabilidade corporativa e social. Esforzarse para enriquecer a sociedade, tanto material como espiritualmente, ao tempo que se contribúe á conservación do ambiente mundial.
- 处事光明 “Shoji Komei” = Integridade e xustiza. Manter os principios de transparencia e honestidade, a realización de negocios con integridade e beneficio mutuo.
- 立业贸易 “Ritsugyo Boeki” = Comprensión mundial a través dos negocios. Expandir os negocios, baseado nunha perspectiva global que abrangue todo.
As orixes de Mitsubishi están nunha empresa navieira, Tsukumo Shokai, que comezou a operar con tres vellos barcos de vapor. A empresa medrou rapidamente e foi trocando de nome co tempo: Mitsukawa Shokai, Shokai Mitsubishi, Mitsubishi Jokisen Kaisha (Compañia de Vapores Mitsubishi) e Yubin Kisen Kaisha Mitsubishi (Compañia de Vapores Correo Mitsubishi).
A Compañía de Vapores Mitsubishi inaugurou o servizo a China e foi a primeira empresa xaponesa en ter ruta comercial co estranxeiro. En 1880 o goberno xaponés permitiu que outra empresa fixese a mesma ruta e as dúas empresas estiveron a piques de pechar. O goberno xaponés mediou na fusión das dúas empresas. Mitsubishi diversificou o negocio adicándose á minería e á construción naval, mercando o estaleiro de Nagasaki en 1884 e, máis tarde, iniciando a produción de aceiro alí. A partir de 1893, a empresa entrou noutros negocios como o papeleiro, mercando unha fábrica en Kobe, a actual Mitsubishi Paper Mills. Fundouse Asahi Glass, o primeiro fabricante de cristal no Xapón que tivo éxito. Ao iniciarse a Primeira Guerra Mundial Mitsubishi fixo un chamamento a tódolos traballadores pedíndolles un compromiso de integridade e imparcialidade.
A partir de 1916 Mitsubishi modernizouse aínda máis, incorporado empresas semiautónomas, como Koyata Mitsubishi, dirixida ao liderado en sectores como a maquinaria, equipamentos eléctricos e produtos químicos. Son as empresas que máis tarde se converteron en Mitsubishi Heavy Industries, fabricante de automóbiles, avións, tanques e autobuses, e Mitsubishi Electric, que tamén chegou a ser un líder en maquinaria eléctrica e aparellos electrodomésticos.
Durante a Segunda Guerra Mundial, Mitsubishi fabricou avións baixo a dirección do Dr. Jiro Horikoshi. O mítico Mitsubishi A6M (“Zero”) foi un avión caza empregado principalmente pola armada xaponesa na Segunda Guerra Mundial. Empregárono os pilotos da Armada Imperial Xaponesa durante toda a guerra, incluso en ataques kamikazes durante as etapas posteriores. Os pilotos norteamericanos estaban abraiados pola súa manobrabilidade, e foi un grande éxito no combate ata que os aliados idearon tácticas para empregar a súa potencia de fogo e a velocidade.
Mitsubishi empregou traballadores forzados e escravos durante a guerra. Os traballadores eran prisioneiros de guerra aliados, chineses e cidadáns coreanos. Na posguerra, presentáronse demandas e esixencias de compensacións contra a Corporación Mitsubishi, en particular polos ex traballadores escravos chineses.
Mitsubishi estivo involucrada no tráfico de opio en China durante este período[1].
. . . Mitsubishi . . .